¿Que é Casa Niño Areiña de Cores?

Casa Niño Areíña de Cores trátase dun espazo creado con moito agarimo e ilusión no cal se presta atención e coidado a nenos/as empadroados no Concello de Dumbría, de entre 3 meses e 3 anos de idade.
Un dos obxectivos principais na casa niño é garantir unha atención de calidade respectando os ritmos e necesidades individuais, así como acompañar aos nenos/as no seus procesos de desenvolvemento e aprendizaxe. Isto é posible grazas á ratio de un máximo de 5 cativos.
No día a día prima o xogo, o movemento libre e diferentes propostas sensoriais por medio das cales se presentan unha variedade de materiais que permiten que os/as nenos/as participen en experiencias significativas por medio dos sentidos a través da manipulación e a experimentación.
Por outro lado, sempre que é posible, facemos saídas onde podemos gozar da contorna próxima a casa niño e observar os cambios que se producen na natureza.
Casa Niño Areíña de Cores é un proxecto que existe dende o momento en que comecei a pensar nel, uns anos atrás. Como resultado de varios anos de experiencia, formación, autocoñecemento e reflexión, con moita ilusión, podo dicir que é un soño feito realidade.
¡Benvidos!
